Importancia

O valor das charcas é frecuentemente descoñecido ou até desprezado pola poboación en xeral, pero en realidade presentan unha importancia ecolóxica e funcións ambientais moi relevantes.

Biodiversidade

Algúns estudos mostran que o conxunto de charcas do planeta alberga máis biodiversidade do que os ríos e lagos, así como un maior número de especies raras e ameazadas. Moitas plantas acuáticas e animais (como anfibios e macro-invertebrados) están totalmente vinculados a estes hábitats para sobrevivir ou reproducirse. Ao nivel microscópico, numerosas especies de zoo e fitoplacton aparecen exclusivamente nas charcas.Estas masas de auga proporcionan tamén alimento e refuxio para numerosas especies terrestres.

Reserva de auga doce

Os millóns de charcas con menos de 10 hectáreas do mundo enteiro representan o 30% da superficie mundial de auga doce, constituíndo un excelente instrumento na xestión da auga ao nivel local.

Sumidoiros de carbono

As charcas recollen e almacenan grandes cantidades de dióxido de carbono  (CO2) da atmosfera, axudando a regular o clima. Estudos recentes suxiren que, debido ao seu alto número e produtividade primaria, as charcas a nivel mundial poden almacenar tanto carbono como os océanos.

Produtividade primaria

As charcas presentan unha elevada produtividade primaria (cantidade de materia orgánica producida polas algas e plantas a partir da enerxía solar), constituíndo medios moi importantes na entrada e transferencia de enerxía para os niveis tróficos superiores e os ecosistemas circundantes

Servizos ambientais

As charcas teñen importantes funcións ambientais, como a amenización do efecto de cheas, a manutención da humidade do solo en períodos secos, a purificación da auga e o abastecemento dos acuíferos subterráneos. Ademais disto, ten un papel importante a nivel da produción de oxíxeno (fotosíntese das algas e plantas acuáticas), do ciclo de nutrientes, e da formación do solo.

Agricultura

Nos sistemas agropecuarios tradicionais, as charcas teñen funcións importantes como bebedeiros para o gando e conectados a sistemas de rega.

Control de pragas

Algunhas especies que se producen en charcas, como os anfibios e libélulas, axudan a controlar pragas agrícolas ou insectos vectores de danos.

Valor paisaxístico

As charcas e lagoas teñen un importante valor estético e paisaxístico, criando espellos de auga, que constitúen espazos de contemplación e constitúen elementos imprescindibles nos parques e xardíns modernos.

Valor educativo

As charcas son importantes recursos educativos e no contexto do eco-turismo, pois permiten a realización de numerosas actividades de carácter lúdico-científico, como a observación de aves, anfibios e outros animais, etc.

Valor científico

As charcas son lugares de estudo de excelencia para numerosas áreas da ciencia, como a bioloxía, xeoloxía e hidroloxía. Ademáis da biodiversidade das charcas e a súa ecoloxía, dos ciclos de nutrientes, etc., tamén os sedimentos das charcas poden fornecer informacións importantes sobre a historia do medio ambiente (rexistro de pólen e reconstitución do clima dos últimos séculos ou ate milenios, vestixios arqueolóxicos, etc.).

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *