As charcas das Cerradas (O Grove)

Inicios dun proxecto de creación de charcas ben interesante na península deo Grove.

Por Cosme Damián Romay Cousido

Antecedentes

O litoral norte do concello do Grove, considerando como tal o treito de 5,1 km comprendido entre os portos do Grove e o de Meloxo, experimentou uns cambios ambientais importantes desde mediados do século XX. A construción de edificacións relacionadas coa cría, depuración e envasado de moluscos e peixes, e o entramado de pistas, estradas, recheos costeiros e tendidos eléctricos que dan servizo a estas infraestruturas, alterou de xeito notable a fisionomía e dinámicas naturais de areais, marismas, campos de cultivo e zonas de matogueira. Humidais enteiros, como a xunqueira do Hospital, foron sepultados en aras do progreso. Nos últimos anos, os usos humanos recreativos (sobre todo vehículos estacionados nas dunas, quads e paseantes con cans soltos) e os residuos que os visitantes xeran veñen comprometendo, aínda máis, a integridade e incluso a salubridade destas zonas litorais. A pesar destas agresións, a zona conservou (e conserva) notables valores naturais, que se foron coñecendo só nos derradeiros lustros. Así, a finais dos 80 e comezos dos anos 90 tanto Jesús Mascato no eido da herpetoloxía como o malogrado ornitólogo Juan Carlos Cabrero fixeron varios estudos da zona, comunicando avistamentos de interese. Xa desde mediados dos 90, o autor destas liñas ven documentado aspectos da biodiversidade deste treito costeiro, identificando tamén os principais valores naturais e os seus problemas ambientais.

 Os primeiros pasos do proxecto

A comezos de 2014 anunciouse que a Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) do Grove ía construirse na costa norte do concello meco, en concreto na zona do Porto dos Padroneses. Houbo posibilidade de ver os planos desta EDAR e deduciuse que ía afectar de modo importante á zona coñecida como As Cerradas (matogueira con formacións graníticas) e que ía consolidar unha pista que afectaba naquel momento ás dunas das praias do Porto dos Padroneses, de Bucheiro e do Costado de Rons. Así e todo, valorouse que estas afeccións poderían mitigarse se se modificaba o trazado da pista, propiciando así a restauración do devandito cordón dunar. Coa información compilada ata aquela data, a finais de xuño de 2014 o autor destas liñas elaborou un primeiro bosquexo dun plan de restauración da periferia da EDAR, que presentaría á Concellalía de Medio Ambiente do Concello do Grove. Vista a boa acollida inicial, e incitado por comentarios acerca da necesidade de recuperar outras praias do litoral norte do Grove, durante os dous meses seguintes elaboraríase un Plan integral de restauración ambiental da costa norte do municipio do Grove (no sucesivo PIR). O PIR describía, secuencialmente, a situación dos areais e da súa contorna ata mediados do século XX, a situación actual e a que se podería conseguir coas seguintes actuacións: redeseño de pistas, modificación de tendidos eléctricos, eliminación de especies alóctonas de plantas e entullos nas dunas, plantación de feo de praia e instalación de colectores de area para a recuperación do perfil dunar e, o que aquí nos ocupa, a creación de charcas e zonas asolagables. En borradores sucesivos varios biólogos (Martiño Cabana, Diego Rodríguez Vieites e Atocha Ramos) foron aportando ideas e a comezos de outubro confirmouse o apoio de varios grupos ambientalistas ao proxecto, entre eles o Colectivo Ecoloxista do Salnés (CES). A mediados de outubro de 2014 foi enviado o documento ao sr. Alcalde do Grove e á Concellalía de Medio Ambiente, que se interesaron deseguido no tema. Así e todo, esta petición coincidiu no tempo coa tramitación do Plan Xeral de Ordeamento Municipal (PXOM) do Grove, que paralizou as eventuais accións. En efecto, algunhas das obras proxectadas no PXOM eran incompatibles coas propostas no PIR, e precisaban ser reformuladas. Parte das reclamacións do PIR serían recollidas nas alegacións ao PXOM formuladas polo CES. 

 

A primeira obra

Tras rexeitarse o PXOM, e finalizar o groso das obras da EDAR, o concello do Grove deu luz verde ao primeiro documento (o de xuño de 2014), e comezaron as obras: a mediados de marzo de 2015 unha escavadora comezou a crear as charcas xunto á EDAR e ao mes seguinte iniciáronse as obras de modificación da pista que afectaba aos cordóns dunares do Porto dos Padroneses, de Bucheiro e do Costado de Rons. Nesta fase a contribución de Gustavo Ferreiro, de SEO/Pontevedra, foi fundamental. Xa a comezos de maio a charca principal presentaba unha lámina de auga moi ampla, e con sucesivas ampliacións acadou a súa dimensión máxima actual, de 75 m de lonxitude e 12 na parte máis ancha (largura media de 7 m). Coas choivas dese mesmo mes, atinxiuse unha cota a só 0,5 m do nivel considerado máximo, estimándose a maior profundidade en 1 m. Paralelamente, levantouse un muro de terra e pedras na parte sur da lagoa, coa finalidade de impedir unha drenaxe incipiente e innecesaria da charca cara á xunqueira veciña. Paralelamente, creáronse pequenas charcas de diferentes diámetros (máximo de 2 m) e profundidades (máxima de 0,5 m), coa finalidade de ser zonas de desovamento de anfibios.

 

Os primeiros visitantes

Nos meses de abril e maio, e coincidindo co progresivo enchido da lagoa, rexistráronse dúas especies de aves acuáticas: lavanco (Anas platyrhynchos) e bilurico das rochas (Actitis hypoleucos). Tamén multitude de aves terrestres, como pombos (Columba palumbus), estorniños negros (Sturnus unicolor) e escribentas común (Emberiza cirlus) acudían case a diario a beber e bañarse, e incluso catro andoriñas comúns (Hirundo rustica) foron vistas collendo barro do bordo da charca.

 

O futuro

Está previsto rematar de pechar o muro da beira sur da lagoa e instalar unha comporta como as usadas nas acequias de rego para controlar o nivel da auga da lagoa, para eventualmente facilitar a reprodución de fauna acuática. Crearase algunha poza perimetral máis e procedarase á instalación un valado xunto á pista de acceso á EDAR.

Nos vindeiros anos espérase que a charca gañe en vexetación, nomeadamente helófitas como lirios amarelos (Iris pseudacorus), espadaina (Typha latifolia) e esparganio (Sparganium sp.), así como flotantes ou semiflotantes, como as espigas de auga (Potamogeton spp.) e as lentellas de auga (Lemna minor). Considérase inevitable a entrada do fento de lagoa (Azolla filiculoides), xa estendido polas masas de auga do Grove e que podería chegar doadamente pegado á plumaxe ou ás patas de aves acuáticas. Os salgueiros (Salix spp.) están a comezar a colonizar a contorna da EDAR. No tocante aos invertebrados, as condicións para grupos como os escaravellos acuáticos e libeliñas serán probablemente boas ou moi boas, e, grazas á proximidade doutras masas de auga (lagoa da Bodeira, charcas da Siradella e A Lanzada e barreiras de Rouxique a menos de 5 km en liña recta) a colonización de varias especies como a libélula maculada (Libellula quadrimaculata), a donceliña de Graells (Ischnura graellsii) e o lavacú escarlata (Crocothemis erythraea), por citar algunhas, semella plausible. Na contorna inmediata (raio <1 km) están rexistradas sete especies de anfibios, sendo un deles o amezado sapo de esporóns (Pelobates cultripes); así e todo, non hai rexistros da especie desde principios dos 90, polo que se atopa probablemente extinto. Para outros anfibios, como a ra das veigas (Discoglossus galganoi), a ra verde (Pelophylax perezi), a rela (Hyla molleri) e o pintafontes verde (Triturus marmoratus) as condicións das charcas son ideais. A presenza de sapo cunqueiro (Bufo bufo) e da píntega (Salamandra salamandra) é testemuñal na zona, se ben tamén poderían aparecer algúns individuos nas charcas. A presenza de lontra (Lutra lutra) na zona é coñecida desde hai case unha década, sendo previsible a aparición da especie nas charcas unha vez que estas logren consolidar comunidades de anfibios e aves acuáticas que lle poidan servir de alimento. E no referente a estas últimas, antóllase que o tamaño da charca é suficiente para acoller unha ou dúas parellas reprodutoras de galiñola (Gallinula chloropus), especie xa citada nas proximidades, e quizais tamén algunha de mergullón pequeno (Tachybaptus ruficollis) e de rascón (Rallus aquaticus), este último presente fóra da época de cría no cercano humidal da Xesteiriña e citado nas Murrasas. O lavanco está xa citado na lagoa (aínda en fase de enchido), polo que probablemente se asente na zona.

 

Agradecemento e dedicatoria

A Fran Meis e Fredi Bea, do Concello do Grove, por “darlle para adiante” a esta iniciativa. A Gustavo Ferreiro, Diego Rodríguez Vieites, Atocha Ramos e Martiño Cabana pola inmensa axuda. O desexable éxito desta iniciativa beneficiará non só á flora e fauna local, senón tamén a todos os veciños e visitantes do Grove. Juan Carlos Cabrero (1964-2014) estaría contento do que se está a facer nesta zona, que foi tamén súa.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *