Custodiando charcas: Unha nova poza de rega recuperada

O pasado 25 de abril 11 persoas participaron na xornada de voluntariado organizada por Charcas con Vida para recuperar unha antiga poza de rega no lugar de Sabarís, Campañó (Pontevedra). 

FOTOS da XORNADA

A poza localízase nunha finca privada,  por iso para esta actuación ADEGA asinou un acordo de custodia do territorio coa súa propietaria. ADEGA comprometeuse mediante este acordo a recuperar a antiga poza e realizar labores de seguemento e mellora cando foran precisos. Pola súa banda a propietaria comprométese a manter a poza e explotar dita finca dun xeito sostible.

A custodia do territorio é unha ferramenta de conservación do territorio que dá a posibilidade aos propietari@s e usuarios dos terreos de participar activamente na  mellora da paisaxe, na conservación de certas especies, e na conservación o patrimonio. Neste caso a propietaria axuda a crear novos hábitats para os anfibios da contorna, e ademáis recupera parte do patrimonio cultural como son as antigas pozas de rega, moitas abandonadas na actualidade.

As persoas voluntarias traballaron arreo baixo a chuvia para descolmatar esta poza que levaba abandonada máis de 30 anos. Retirouse o substrato e recuperouse o antigo rego co cal se abastecía dita charca. Grazas ao tempo chuvioso e ao aporte de auga continuo a charca xa se atopa a día de hoxe chea de auga.

A escasez de espazos naturais ben conservados nas proximidades da poza, a fragmentación do territorio por infraestructuras como a autopista AP9, a nacional PO-225, máis a vía do tren, e  a existencia limitada de puntos de auga para os anfibios xustifican a recuperación desta antiga poza de rega como hábitat de auga doce para estes organismos.

Para rematar a xornada a propietaria convidounos a unha boa merenda, para descansar do traballo realizado.

Tres días despois a familia da propietaria enviounos as primeiras fotos da charca, de novo o pozo das ras volve estár cheo de auga! e con sorte en pouco tempo tamén cheo de vida. Charcas con Vida agradécelle enormemente o seu compromiso coa charcas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *