Protocolo para: Enfermidades infecciosas emerxentes dos anfibios

O pasado 25 de abril conmemorando a celebración mundial do Save the Frogs Day, ADEGA xunto coa Sociedade Herpetolóxica Española (AHE) e a Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) editaron un protocolo sobre a recente problemática das Enfermidades Infecciosas Emerxentes (EIE) en anfibios, presentouse nunha xornada divulgativa para todos os públicos á que asistiron máis de 30 persoas.

As xornadas centráronse na divulgación desta problemática. En primeiro lugar houbo unha introdución de Ramsés Pérez (ADEGA) e a seguir César Ayres (AHE) deu unha interesante charla sobre esta ameaza para os anfibios. César explicou como a propagación destas enfermidades  ten levado á extinción repentina a numerosas poboacións de anfibios, mesmo en lugares illados e ben preservados.  Recentemente publicouse un estudo sobre os efectos dun ranavirus nas poboacións de anfibios no encoro do Pontillón (Pontevedra), no cal a AHE leva recollidos máis de 2.000 exemplares de anfibios infectados desde o 2010. Paralelamente sucedeu o mesmo, no Parque Nacional dos Picos de Europa. Este virus afectou fundamentalmente ao pintafontes verde (Triturus marmoratus) e ao pintafontes ibérico (Lissotriton boscai), e indirectamente ás cobras acuáticas (Natrix sp) que se alimentaron dos pintafontes mortos ou moribundos.

A última mala nova que pode afectar aos anfibios galegos, concretamente ás píntegas e pintafontes, foi o descubrimento dun novo fungo (Batrachochytrium salamandrivorans) que como o seu nome indica devora ás píntegas. Lamentablemente para os nosos hérpetos, non se coñece cura para ningunha destas EIE, e os seus efectos semellan ser devastadores para as súas poboacións.

Estas enfermidades adoitan recibir atención cando afectan a especies de consumo humano, cando é así  invístense esforzos e recursos económicos para mellorar o coñecemento e solucionar o antes posible esta ameaza. Porén os anfibios non teñen a mesma sorte e ata o de agora non se ten feito esforzo ningún por parte da administración galega para frear estas enfermidades, controlar a súa dispersión ou mesmo divulgar este problema.

FOTOS DA XORNADA

 


Malia coñecerse relativamente pouco sobre o modo de actuación destas enfermidades é imperativo que toda a xente as coñeza. Son moitos os visitantes dos ecosistemas acuáticos que poden axudar ao coñecemento destas enfermidades: biólogos, investigadores, voluntariado ambiental, pescadores deportivos, afeccionados as actividades acuáticas e público xeral. Moisés Asensi da SGHN falou a importancia da desinfección do material en contacto coa auga entre aquelas persoas que visitan ecosistemas acuáticos (por exemplo: embarcacións do encoro de Pontillón).

Para paliar o problema ADEGA, AHE e SGHN recomendamos a divulgación destas enfermidades entre o público xeral, e a desinfección do material en contacto coa auga, para o que vimos de editar o documento: Enfermidades Infecciosas Emerxentes. Outra ameaza para os anfibios”. O documento que podedes descargar en pdf explica de xeito conciso cales son estas enfermidades, a súa presenza en Galiza, os seus síntomas  e propagación e por último qué podes facer ti para axudar a controlalas. Se nalgún momento atoparas algún organismo infectadona podes contactar con ADEGA, AHE ou SGHN.

AHE (Asociación Herpetolóxica Española)
www.herpetologica.es  
cesar@herpetologica.org
607 830 685(César)  

ADEGA (Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza)
www.adega.gal
  
ramses@adega.gal
616 238 050 (Ramsés)  

SGHN (Sociedade Galega de Historia Natural)
www.sghn.org  
herpetoloxia@sghn.org
636 427 769 (Moisés)

Ligazóns

Descargas

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *