Rescate de anfibios e réptiles nunha canle de rega

Onte persoal de Charcas con Vida xunto con persoal da Dirección Xeral de Conservación da Natureza puideron rescatar case 200 sapos atrapados nunha canle de rega no concello de Pontecaldelas, no lugar de Parada. Álbum de Fotografías

A canle de rega mide uns dous quilómetros aproximadamente e atópase practicamente en desuso, transcorre paralela ao río Verdugo nun terreo cunha elevada pendente. Na parte máis elevada ten un certo aporte de auga que nestes días mantén cunha profundidade de 10-20 cm aproximadamente. Porén conforme se vai avanzando vai perdendo auga e dende a metade atópase practicamente seca. A canle ten unhas paredes laterais e verticais de 80 cm de alto en toda a súa lonxitude que supoñen unha trampa mortal para moita da fauna do lugar.

Nesta época decenas de sapos baixan por este monte dirección ao río, pero no camiño atópanse con esta barreira. Nas partes nas que aínda ten auga poderán desovar pero lamentablemente xa non poderán saír, as paredes laterais da canle convértense nunha trampa mortal para eles e para outros moitos anfibios que se achegan ao lugar para desovar ou alimentarse.

 A maioría dos limpafontes que se atoparon atopábanse coa pel totalmente seca. Para estes organismos que probablemente se achegaron á canle buscando auga para poñer os seus ovos, as paredes da mesma constitúen unhas barreiras imposibles de salvar.

A escasa pluviosidade destas datas non fai máis que agravar o problema e a auga cada vez é máis escasa.

Onte, luns 6 de abril, o persoal de Charcas con Vida coñecendo esta problemática achegouse ata alí. Para a tarefa de rescate contamos coa axuda de persoal de Dirección Xeral de Conservación da Natureza. Camiñouse pola canle buscando e rescatando 6 especies de anfibios, sendo o sapo común o máis numeroso (173 exemplares), e 2 de réptiles, alén de atopar outros organismos mortos que non tiveron a mesma sorte. Os exemplares recollidos foron liberados en varias charcas e regatos cercanos.

En días anteriores o persoal da D.X. de Conservación da Natureza ten retirado 60 sapos, ra dos regos, e limpafontes. Nos vindeiros días realizaranse máis visitas a este lugar para a retirada de anfibios evitando así a súa morte. Son moitas a infraestruturas que se transforman en trampas para anfibios, sobre todo nestas datas onde estes organismos se achegan á auga para desovar. Paredes verticais e lisas de pilóns, lavadeiros, e tanques son un dos perigos máis frecuentes. Charcas con Vida propón actividades de mellora destes lugares como a colocación de rampas de acceso e saída, tapar algunhas estruturas. No que se refire á canle de rega de Parada (Pontecaldelas) é preciso realizar pois actuacións para evitar a morte destes e outros animais.

Organismos liberados (6 abril de 2015):

Sapo común (Bufo spinosus) – 173 exemplares

Ra dos regos (Rana iberica) – 10 exemplares

Ra verde (Pelophylax perezzi) – 1 exemplar

Limpafontes verde (Triturus marmoratus) – 1

Limpafontes común (Lissotriton boscai) – 14

Cobra de colar (Natrix natrix) – 4 exemplares

Cobra viperina (Natrix maura) – 1 exemplar

 

Organismos mortos:

Cría de xabarín (Sus scrofa) – 1

Píntega rabilonga (Chioglossa lusitanica) -1

Limpafontes común (Lissotriton boscai) – 3

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *