ADEGA participa na capacitación de técnicos de Custodia

ADEGA, e o seu  proxecto Charcas con Vida veñen de ser seleccionados para o Programa de axudas para a capacitación de técnicos/as de custodia do territorio dentro do proxecto Tejiendo Redes.  

O Foro Estatal de Entidades de Custodia do Territorio e a Xarxa de Custodia del Territori promoven a iniciativa Tejiendo redes durante 2014 e 2015 co obxectivo de difundir as boas prácticas de traballo e desenvolvemento social e institucional da custodia do territorio entre as diferentes redes e entidades de custodia do Estado.  

O programa de axudas para o que foi seleccionado ADEGA e Charcas con Vida consiste en ofrecerlle a técnicos/as de custodia do territorio a posibilidade de realizar estancias dunha semana de duración en entidades de custodia. A finalidade do programa é capacitar aos beneficiarios das axudas a través do aprendizaxe e intercambio de experiencias e coñecementos. As estancias realizaranse entre xaneiro e maio de 2015.  

A persoa beneficiara da estancia é Xavi Alifonso da entidade catalana de custodia Picampall. O beneficiario acompañará ao persoal técnico de ADEGA para coñecer de cerca o proxecto Charcas con Vida durante unha semana. Neste tempo realizará diferentes visitas ás charcas custodiadas, manterá reunións cos propietarios/as dos terreos custodiados, e participará nunha xornada de voluntariado. 

Ao longo do primeiro trimestre de 2015 tamén terán lugar seis encontros enmarcados no proxecto Tejiendo Redes que servirán para capacitar a persoas vencelladas ao desenvolvemento da custodia do territorio. Os encontros, que serán tanto teóricos como prácticos, organízanse en colaboración con sete redes de custodia do Estado e están dirixidos a persoas e entidades. O encontro galego celebrarase en Santiago de Compostela os días 27 e 28 de marzo.  

O proxecto Tejiendo redes para la custodia del territorio en España é impulsado polo Foro de Redes e Entidades de Custodia do Territorio e a Xarxa de Custòdia del Territori, en colaboración coa Fundación Biodiversidad e l’Obra Social La Caixa.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *