Humidais para o noso futuro. Únete a nós!

O 2 de febreiro celebramos o día mundial dos Humidais, comemorando a convención celebrada en 1971 na cidade de Ramsar, na que varios países asinaron un documento en prol da conservación dos Humidais para manter a súa biodiversidade e seguir aproveitando os beneficios ecosistémicos que nos ofrecen. En 2015 Ramsar celebra este día coa intención de achegar aos máis novos a estes ecosistemas en perigo co lema: Humidais para o noso futuro. Únete a nós!

Dende aquel entón, téñense dado pasos adiante mais tamén atrás na conservación destes valiosos ecosistemas. No Estado existen hoxe en día 74 Humidais protexidos baixo esta figura que cubren 303.090 hectáreas. Galiza conta con 5 destes humidais Ramsar: Complexo intermareal Umia-O Grove, A Lanzada, punta Carreirón e lagoa Bodeira; Rías de Ortigueira e Ladrido; Complexo das praias, lagoa e duna de Corrubedo; Lagoa e areal de Valdoviño; Ría do Eo.

Porén a meirande parte dos humidais non son grandes lagoas se non que están constituídos por pequenas zonas húmidas como brañas, turbeiras ou charcas que acubillan unha importante biodiversidade e desenvolven un papel fundamental na regulación do ciclo da auga. En xeral estes ecosistemas foron tradicionalmente esquecidos e pouco valorados e como consecuencia atópanse desprotexidas.

En 2013 ano ADEGA comezou o proxecto “Charcas con Vida”, coa colaboración da Fundación Biodiversidad do Ministerio de Agricultura  Alimentación e Medio Ambiente, en convenio co Centro de Investigaçao en Biodiversidade e Recursos Genéticos do Porto (CIBIO). En 2014 esta iniciativa contou co apoio da Dirección Xeral de Conservación da Natureza da Xunta de Galiza. Charcas con vida é un proxecto de voluntariado, educación ambiental e custodia do territorio que nos levou por todo o País involucrando a unha manchea de voluntarias e voluntarios.

Estamos a preparar as novas actividades para 2015. En breves daremos máis noticias.

 

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *