Campo de Voluntariado para recuperación de charcas

A iniciativa de ADEGA Charcas con Vida convoca xunto co Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia un novo campo de voluntariado ambiental que se celebrará os días 10, 11 e 12 de outubro. O lugar escollido para esta nova actuación é a illa de Sálvora no Parque Nacional Marítimo Terrestre.

No Parque Nacional podemos atopar tres especies de anfibios o pintafontes (Lissotriton boscai), o sapiño pinto (Discoglosus galgonai), e a píntega común (Salamandra salamandra), poboacións todas elas de especial interese, catalogadas como vulnerables, e que contan con diferenzas significativas con respecto ás poboacións costeiras e peninsulares. Na illa de Sálvora atópanse só dúas especies: o sapiño pinto e o pintafontes.

O Parque ten unha boa cantidade de auga doce sobre todo en anos chuviosos, con regatos e charcas que son o hábitat ideal para estas especies de anfibios. Xa se teñen realizado tarefas de recuperación e de valado para evitar que os cabalos danen as charcas, polo que o voluntariado proseguirá con estas actividades de acondicionamento .

O campo comezará o venres á tarde desprazándonos ata a illa de Sálvora. Unha vez alí realizarase unha charla formativa sobre o proxecto e as actividades de recuperación de charcas. O sábado están programados os traballos de campo para os cales os participantes se dividirán en varios grupos. O domingo haberá unha posta en común dos traballos realizados. Ademáis haberá actividades complementarias como roteiros pola illa ou observación de aves e cetáceos.

A actividade é gratuíta. O voluntariado contará con seguro de accidentes, terá cuberto os gastos da comida e transporte en barco ata a illa. A durmida será no albergue e será preciso levar saco de durmir.

Para participar é preciso inscribirse nos tlfs: 981 57 00 99 ou no 649 611 508; tamén por correo electrónico: lucia@adega.info

Charcas con vida é unha iniciativa que conta coa colaboración da Consellería de Medio Ambiente Territorio e Infraestruturas da Xunta de Galicia. ADEGA organiza esta actividade xunto co Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *