Máis de 30 persoas recuperan unha poza de rega

Un grupo de persoas voluntarias da Asociación de Montaña Arnau en colaboración co proxecto Charcas con Vida acudiron ao pequeno pobo da Regada (Lobios, Ourense) para participar nunha acción de voluntariado ambiental. O obxectivo desta actividade foi recuperar unha antiga poza de rega abandonada fai anos.    Podes ver as fotos da xornada

A xornada comezou coma de costume cunha charla introdutoria sobre estes ecosistemas na casa restaurada en propiedade da Asociación Arnau. Falouse das charcas, dos seus valores ecosistémicos, da biodiversidade que albergan e das súas amezas. Os asistentes puideron aprender a diferenciar diferentes tipos de charcas, tipoloxías de custodia do territorio e tamén se lles explicou como participar no proxecto Charcas con Vida de diferentes xeitos.

Ao rematar a charla e logo do reparto da ferramenta, o grupo desprazouse ata o lugar onde se atopaba a antiga poza de rega. Unha estrutura construída directamente no solo cunha superficie de 250 m2 aproximadamente. O grupo distribuíuse en diferentes tarefas de corta, desbroce e retirada de vexetación para deixar á vista unha magnífica poza que ademais contaba cunha parede posterior para reter a auga e dende a cal se repartía para utilizala nas labores de rega. Un pequeno grupo adicouse a limpeza da levada de auga que dende o río a transportaba por máis de 2 km ata chegar á poza.

Traballouse duramente durante toda a mañá, facendo unha parada para comer algo e recuperar folgos. Finalmente a poza quedou libre da vexetación que a cubría. Agora só falta esperar que a levada encha esta estrutura e sirva como reservorio de auga para a rega, incendios forestais, e sobre todo como hábitat para multitude de especies.

As pozas de rega foron antigamente moi abundantes en toda Galiza, e moitas delas ficaron abandonadas polo despoboamento rural. Empregadas polos habitantes das aldeas galegas tamén eran un punto indispensable para a vida acuática. A recuperación destes lugares axuda a conservar e poñer en valor o patrimonio etnográfico. Charcas con Vida amosa que moitas veces a recuperación do patrimonio natural e do cultural están intimamente ligadas.

Ao rematar os traballos a Asociación Arnau convidou ao voluntariado a un magnífico xantar feito no seu forno tradicional de leña. Foi unha xornada marabillosa na que moitas persoas puxeron o seu gran de area para recuperar e poñer en valor o noso patrimonio e aumentar o número de charcas no territorio.

O proxecto Charcas con Vida conta coa colaboración da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e  Infraestruturas da Xunta de Galicia.

 

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *