Charcas con Vida presenta as novas actividades en 2014

 

O xoves 27 de febreiro, ADEGA e a Dirección Xeral de Conservación da Natureza (Consellería de Medio Ambiente Territorio e Infraestruturas) presenta a programación do proxecto Charcas con Vida para o ano 2014. Será na Consellería de Medio Ambiente as 11:00.

A iniciativa Charcas con Vida comezou no 2013 coa colaboración da Fundación Biodiversidad do Ministerio de Agricultura Alimentación e Medio Ambiente. Coa intención de dar continuidade ás actuacións de voluntariado e seguimento dos pequenos humidais galegos en 2014 o proxecto presenta a nova programación, desta vez contando coa colaboración da Consellería de Medio Ambiente territorio e Infraestruturas.

As charcas son pequenas masas de auga, permanentes ou temporais, de gran valor ambiental e de elevada fraxilidade. Estes ecosistemas albergan poboacións de algas, plantas, anfibios, e invertebrados que precisan deste medio para vivir ou completar o seu ciclo vital, ademais son corredores biolóxicos que incrementan a conectividade entre hábitats. Moitas destas zonas húmidas constitúen importantes elementos patrimoniais e son espazos cun gran potencial para a educación ambiental e a investigación.Porén, a pesar da súa importancia, estes ecosistemas e os seus beneficios son a maioría das veces descoñecidos pola cidadanía, o que remata nunha ameaza constante e na súa desaparición. Coa intención de difundir os valores das charcas e de contribuír á súa conservación nace o proxecto Charcas con vida.

O proxecto Charcas con Vida seguirá de novo coas súas tres liñas estratéxicas

·  Divulgación da importancia e dos valores das charcas: Mediante charlas divulgativas en centros de ensino, asociacións, concellos, etc. En 2014 celebraranse dúas xornadas formativas para formación de grupos de persoas que queiran coñecer máis sobre estes ecosistemas

·  Creación dunha rede cidadá para o inventariado e estudo de charcas: Esta liña seguirá dando apoio ao conxunto de persoas que voluntariamente decidan estudar mediante unha metodoloxía sinxela as charcas que se atopan preto da súa casa. Tamén está dispoñible o inventario galego de Charcas, onde calquera persoa pode engadir puntos de auga interesantes.

·  Actuacións de construción e recuperación de charcas mediante acordos de custodia do territorio e voluntariado ambiental: Nesta liña estratéxica enmárcanse as actuacións de voluntariado ambiental para construción e recuperación de charcas en Galiza.

Todas as actuacións realizadas en 2013 tiveron unha grande aceptación polo que dende ADEGA apostamos por continuar este proxecto e seguir divulgando o valor ecolóxico das charcas.

Se estás interesada/o en unirte ao proxecto Charcas con Vida, ponte en contacto con nós:

charcas@adega.info

981 57 00 99 – 669 80 69 08

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *