Crónica do II Curso de Formación

  O pasado venres 4 de outubro celebrouse o II Curso de formación para inspección de Charcas na provincia de Ourense. O Curso comezou ás 9:30 nas instalación do Centro de Recuperación de Fauna Silvestre do Rodicio (Ourense) que contou coa participación de trinta persoas pertencentes ao Servizo de Conservación da Natureza. Podes ver as FOTOS DO CURSO

Trala presentación do Xefe de Servizo Juan José Gómez, comezaron as charlas aos asistentes. A primeira das presentación correu a cargo de Lucía Parente, coordinadora do Proxecto Charcas con Vida quen fixo unha introducción ao valor ecolóxico destes ecosistemas, e as amezas ás que se enfrontan. Falouse do alto grado de degradación e da notable desaparición destes lugares ao longo de toda a xeografía galega.

A seguir Ramsés Pérez fixo outra presentación centrada na importancia e diversidade dos programas de seguemento. Iniciativas de voluntariado ambiental moi abundantes en países do norte de Europa que axudan ao seguemento e conservación tanto de especies animais como de hábitats concretos. A exposición rematou cos exemplos destes proxectos no noso país: Proxecto Ríos, voluntriado da CEMMA, SARGA…

Por último e enfocado como un novo programa de seguemento Lucía Parente presentou máis polo miúdo o proxecto Charcas con Vida. Iniciativa de voluntariado ambiental, educación ambiental e custodia do territorio desenvolvida por ADEGA.

Tras un breve descanso e un cafeciño para recuperar folgos, todas as persoas participantes desprazáronse ata as barreiras de Niñodaguia. Este lugar empregado dende fai moitos anos para a extracción de barro deu lugar a numerosas charcas debido ao carácter impermeable deste substrato arxiloso.

Debido a isto, nestas barreiras podemos atopar grandes e pequenas charcas colonizadas por numerosas especies de flora e fauna típicas dos pequenos humidais. Realizouse unha pequena explicación de cómo facer unha inspección dunha charca, o persoal do Servizo de Conservación da Natureza puido identificar diferentes organismos que podemos atopar nestes ecosistemas.

As charcas son pequenos pero importantes espazos para a conservación da biodiversidade. Moitas especies utilizan estes puntos de auga para beber, alimentarse, agocharse ou para desenvolver os seus ciclos vitais. Anfibios, aves, invertebrados … e tamén certos tipos de plantas ou algas son algúns exemplos dos seres habitan nestes lugares.

O proxecto Charcas con Vida é unha iniciativa de ADEGA que conta coa colaboración da Fundación Biodiversidad do Ministerio de Agricultura Alimentación e Medio Ambiente, e realízase en convenio co CIBIO (Centro de Investigaçao em biodiversidade e recursos genéticos, Portugal). Para este curso o proxecto recibe o apoio do Servizo provincial de Conservación da Natureza da Xunta de Galicia.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *