Campo de Voluntariado para recuperación de charcas

A iniciativa de ADEGA Charcas con Vida convoca xunto co Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia un novo campo de voluntariado ambiental que se celebrará os días 10, 11 e 12 de outubro. O lugar escollido para esta nova actuación é a illa de Sálvora no Parque Nacional Marítimo Terrestre.

No Parque Nacional podemos atopar tres especies de anfibios o pintafontes (Lissotriton boscai), o sapiño pinto (Discoglosus galgonai), e a píntega común (Salamandra salamandra), poboacións todas elas de especial interese, catalogadas como vulnerables, e que contan con diferenzas significativas con respecto ás poboacións costeiras e peninsulares. Na illa de Sálvora atópanse só dúas especies: o sapiño pinto e o pintafontes.